Posts etiquetados ‘Corrupción’

Non me ralles

Venres, 2 de Xullo, 2010

Millóns de traballadores españois -máis de catro xa o fixeron antes forzosamente- iniciaron unhas vacacións que este ano ben poderían ter o lema que popularizaron eses adolescentes fartos dos consellos dos seus pais carcas: «Non me ralles máis». Primeiro porque seguro que xa están ata a pucha de que lles recorden que estamos en crise, que hai que atarse o cinto, baixarse os soldos se se está na nómina da administración ou deixar para outro ano calquera compra que deixe a cero a conta de aforro. Segundo porque tampouco lles interesa saber se o Estado corre o risco de romper por un estatuto de autonomía catalán que o Constitucional tardou catro anos en corrixir, en todo un alarde de parsimonia xudicial. E terceiro porque xa non lles sorprende nada das tramas de corrupción que se adoitan tecer ao redor dos partidos que gobernan e que veñen demostrar que a democracia é un sistema tan agradecido que permite manter nos seus escanos aos que meteron a man no caixón.
Como moito, durante os días de asueto, os españois permiten que se lles «ralle» coas posibles fichaxes do seu equipo de fútbol ou sobre a última conquista do famoso/a de turno. E en setembro, xa falaremos.

Limpeza

Domingo, 15 de Novembro, 2009

A cidade de Lugo leva meses axitada polos sumarios abertos por varios xulgados que provocaron a detención ou levaron a declarar ao xulgado autoridades políticas, funcionarios de Policía Local ou axentes da Garda Civil. As operacións xudiciais tamén implicaron o rexistro de dependencias ata agora inviolables, como o cuartel da Garda Civil, a comisaría, a delegación de Tráfico ou unha sede da Deputación, ademais do concello de Castro de Rei. E aínda que o efecto sorpresa xa perdeu enteiros a estas alturas, a rumoroloxía comeza a facer das súas e os xornalistas xa reciben avisos falsos de rexistros no Concello de Lugo ou na Subdelegación do Goberno. Iso si, logo de tanto tirar da manta, o cidadán medio xa non sabe se a tal político ou cal funcionario o detiveron por corrupción urbanística, por colocar a muller nunha praza pública ou por quitarlle unha multa ao dono dun puticlú. Porque a cerimonia da confusión é o efecto secundario que toda operación de limpeza desde calado provoca, aínda que como recoñecen a maioría de políticos, axentes da orde ou cidadáns en xeral, xa tocaba para pór algo de orde.
O problema é que a imaxe do sector público vai ser a gran prexudicada e, como din por Lugo, esa non a lava nin toda a auga do Miño.

Piropos

Xoves, 12 de Febreiro, 2009

Un centro comercial lugués está a organizar entre os seus clientes a segunda edición dun concurso de piropos que ao parecer tivo moita aceptación o pasado ano. O certame coincide coa celebración esta semana do día de San Valentín, malia que é sabido que para loubar os atributos dalgunha moza ou mozo non fai falta estar namorado. Porque é o inxenio é tamén o bo humor o que se tenta premiar con esta iniciativa, que quizá habería que facela tamén extensiva aos políticos en campaña, que axudados por asesores-guionistas cada vez utilizan máis a retranca para gañarse ao cidadán. É certo que o nivel de comentarios velenosos baixou moito desde a retirada de Alfonso Guerra, auténtico gurú do socialismo de estacazo, pero os últimos acontecementos a conta da trama de corrupción en concellos gobernados polo PP ou do gasto en reformas do executivo da Xunta están fomentando o cruce de saúdos nada agarimosos, que inclúen ata o desenterramento dos  casos GAL e Filesa.
A lama sempre foi o medio no que mellor se defenderon moitos políticos, pero eso non quita que dentro do pozo haxa que desbotar a imaxinación. Eu propoño logo un concurso. A ver quen lle manda o recado máis traballado ao rival político antes do 1-M. De momento gaña puntos unha perla de Quintana: “O PP é renovador. Cambia un candidato en 21 días”.